A Coruña celebra este 2023 o Ano Picasso, coincidindo co 50 aniversario da morte dun artista universal. Cun programa que inclúe máis de 30 actividades, A Coruña súmase á rede de cidades picassianas como Barcelona, Málaga, París, Madrid ou Bilbao, e resalta o vínculo entre o pintor e a cidade herculina.
Pablo Picasso pasou parte da súa nenez na Coruña, urbe na que desenvolveu a súa paixón pola pintura e etapa que moitos denominan como a do "primeiro Picasso" ao conter a súa primeira exposición (na rúa Real) ou o seu paso pola Escola de Belas Artes, hoxe en día Instituto Eusebio da Guarda.
Ao longo deste 2023, distintos espazos como a Casa Museo Picasso, o Museo de Belas Artes, o Quiosco Alfonso ou a Fundación Luis Seoane acollen exposicións, conferencias, festivais e congresos.
O edificio no que viviu durante a súa etapa coruñesa, Casa Museo dende hai 20 anos, alberga a mostra 'Abrindo a nosa colección', con documentos e obras do arquivo municipal, e outras como 'O Guernica, unha viñeta universal', 'Carteis en homenaxe a Pablo Ruiz Picasso' ou 'Na miña casa'. Podes consultar o resto de programación da Casa Museo aquí.
Outro dos pratos fortes é a exposición 'Picasso, branco no recordo azul', que se poderá visitar entre marzo e xuño no Museo de Belas Artes con obras representativas desa etapa de formación do artista, e que estará composta por dez bloques temáticos que depuran as características do seu paso pola cidade herculina desde 1891 ata 1895. Tes máis información en museobelasartescoruna.xunta.gal.
A estas citas únense o ciclo de conferencias 'Amantes, musas, modelos. Picasso e as súas mulleres', que terá lugar entre febreiro e outubro na Fundación Luis Seoane, que explora a relación do pintor con Fernande Olivier, Eva Gouel, Olga Koklova, Marie Thérèse Walter, Dora Maar, Françoise Gilot e Jacqueline Roque, entre outras. Esta Fundación acollerá tamén o III Congreso Internacional Arte e Educación que contará cunha lección maxistral de rango internacional sobre o Picasso mozo. Máis información en fundacionluisseoane.gal
Pola súa banda o Quiosco Alfonso alberga entre marzo e abril a mostra 'En pretérito seguinte', mentres que Palexco fará o propio entre abril e maio cunha exhibición que ten como título 'Pablo Ruiz en min', do artista cubano Nelson Villalobo. A Fundación María José Jove acolle ata final de ano a exposición 'Ruiz A Coruña 1894 - Picasso París 1922'.
A programación complétase co Festival Internacional de Muralismo en abril, varios concertos con temática picassiana tamén en abril co gallo do Festival Resis e en outubro, co desenvolvemento de Womex, e actividades infantís, como a ruta turística picassiana a través de curtas de animación ou o concurso de debuxo infantil 'A pomba de Picasso'.