27 de outubro de 2023
A alcaldesa achegouse esta mañá ata Palexco para visitar os postos e espazos onde se programan as actividades da feira
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, achegouse esta mañá ata Palexco para gozar da feira de WOMEX, que hoxe comeza a súa segunda xornada con 250 expositores e numerosas conferencias para os profesionais da música. "É un orgullo para a nosa cidade poder acoller un evento de tal magnitude como é WOMEX, onde miles de persoas comparten non só as súas ideas ou proxectos profesionais relacionados coa música, senón que tamén expoñen parte da súa personalidade e experiencias que, en definitiva, son as que enriquecen a nosa vida cultural".
A rexedora, que estivo acompañada por Gonzalo Castro, concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, puido comprobar de primeira man a multiculturalidade que reina esta semana na cidade, demostrando que A Coruña segue á cabeza das urbes preferidas por moitos profesionais e turistas para gozar da cultura e de eventos mundialmente coñecidos como é o caso de WOMEX, que congrega unhas 5.000 persoas.
"Acoller grandes eventos como WOMEX son un aliciente máis para que este goberno continúe promocionando, visibilizando e apoiando a cultura en todos os seus ámbitos. Por suposto, o retorno económico para a cidade é moi importante, máis isto tamén se ve reflectido noutros beneficios como o de concibir A Coruña como un lugar perfecto para programar congresos ou espectáculos dignos das grandes cidades europeas", subliñou Inés Rey .
Máis propostas e actividades para a fin de semana
O sábado, ás 11.15 horas, o público poderá coñecer á gañadora do Premio á Excelencia Profesional WOMEX 23, 'On the Move', o día antes da cerimonia de entrega. Nesta sesión Marie Fol e Marie Lle Sourd serán entrevistadas por Balász Weyer.
Tamén haberá novas conferencias como as que levan por título 'A música ucraína como ferramenta para a diplomacia pública e a democracia' (11.00 horas), 'A política do progreso' (12.15 horas) ou 'Festivais, ferramentas de desenvolvemento para zonas remotas' (15.00 horas).
En canto ás sesións de networking destaca unha norteamericana (15.30 horas), na que se oferta unha visión máis holística da situación da música nesa área ou tamén una de artistas de apoio en risco (16.00 horas).
A feira continuará ata este sábado en horario de 11.00 a 17.45 horas e a programación completa de WOMEX 2023 pode consultarse aquí: