26 de outubro de 2023
Profesionais do sector da música comparten estes días o seu traballo nos máis de 250 postos localizados en Palexco
A Coruña é estes días punto de encontro para miles de persoas interesadas na música a nivel profesional e persoal grazas a WOMEX, o evento musical máis diverso e global ao redor da cultura e a música. Durante esta primeira xornada, miles de persoas de 90 países achegáronse aos máis de 250 estands localizados en Palexco para descubrir as diferentes formas de promoción e conservación de estilos e xéneros musicais de países como Eslovaquia, Colombia, Venezuela, Siria, Francia, Portugal, Dinamarca, Italia, Líbano, España, Turquía ou Polonia, entre outros.
Conferencias, reunións ou exposicións fan da feira musical WOMEX un lugar perfecto para establecer contactos para os profesionais da música. Un evento global para crear unha rede de apoio á cultura diversa e heteroxénea que forma parte da identidade de cada país. O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, supervisou esta mañá o desenvolvemento da feira e destacou que "o Goberno de Inés Rey está a facer unha grande aposta pola organización de grandes eventos culturais na cidade, que deixan un importante retorno".
Durante a xornada de hoxe destacan, entre outras actividades, unha sesión sobre a importancia da cooperación para unha circulación artística sostible (15:00 horas), unha presentación asociada á industria musical chinesa actual (15.45 horas) ou unha sesión de networking de Mulleres do Mundo (16.45 horas).
WOMEX, un evento aberto ao mundo
WOMEX é unha cita indispensable para artistas ou empresas do sector da produción musical, pero tamén é un espazo compartido por moitas persoas que verdadeiramente teñen interese en abrirse ao mundo e ás diferentes músicas que o percorren.
O Palacio da Ópera, o Parrote, o Teatro Colón, o Teatro Rosalía de Castro, a Sala Pelícano, o Playa Club e a Filmoteca de Galicia acollen desde hoxe actuacións de artistas nacionais e internacionais que non deixarán a ninguén indiferente.
A innovación e a intelixencia artificial na industria musical, protagonistas da xornada do venres 27
Mañá haberá unha nova rolda de conferencias, destacando unha sobre a construción dun mercado baseado na innovación de xéneros na música caribeña (10.00 horas), a exploración das linguas indíxenas (11.00) ou unha mesa redonda sobre mentoring (11.45 horas).
Xa pola tarde, haberá a posibilidade de asistir a unha conferencia sobre a intelixencia artificial na industria musical (16:30 horas) ou a unha sesión de networking educativo (16:45 horas).
A feira continuará ata este sábado en horario de 11:00 a 17:45 horas e a programación completa de WOMEX 2023 pode consultarse aquí: