Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

10 de novembro de 2023

A Coruña lembra a Alfred Hitchcock a través da curtametraxe ‘Balle Voyage’ de Iria Ares

O Teatro Colón acolleu hoxe a estrea do filme, que conta co apoio do Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo

O Teatro Colón foi o lugar elixido para estrear hoxe a curtametraxe 'Balle Voyage', unha produción dirixida pola coruñesa Iria Ares centrada nunha historia digna do cineasta Alfred Hitchcock e na que se aprecian a paixón e maneira de facer cinema do director.

O evento contou coa presenza da concelleira de Turismo, Comercio e Hostalaría Diana Sobral e a responsable da área de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego.

Antes da proxección o público tamén puido asistir a un interesante coloquio con Iria Ares e o actor e produtor Xoán Carlos Mejuto.

A curtametraxe conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos; a Deputación da Coruña e Galicia Calidade.

A Coruña, unha cidade de cinema

Non é a primeira vez que a cidade da Coruña é protagonista dunha película ou serie. Títulos como Finisterre, onde termina o mundo (1999), O Lapis do carpinteiro (2003), Mar dentro (2004), Invasor (2012), O descoñecido (2015), Operación marea negra (2022), Fatum (2023), ou Clans (que se estreará no 2024) son só algúns exemplos que demostran que A Coruña ten espazos e localizacións cunha esencia perfecta para gravar nos mesmos.

Con todo, a produtora Estudo Momento, da man de Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, decidiu ir máis alá para outorgar un papel principal a un dos elementos turísticos máis característicos da cidade e do Monte de San Pedro: o seu ascensor con forma de esfera. De feito, neste lugar é onde acontece toda a acción de 'Balle Voyage'.

Premios

A curtametraxe recibiu un novo nomeamento no County Independent Filme Festival (Maryland, Estados Unidos) e hoxe, durante a súa estrea, presentouse ante as autoridades o Premio Roel Mellor BSO obtido no Festival de Cinema de Medina del Campo. Para esta acción contouse con membros e música da Orquestra Sinfónica de Galicia por ser intérprete da BSO, composta polo músico Manu Riveiro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en